Horarios CAV

Comezamos un curso en circunstancias de gran complexidade. A incertidume sobre cal será a situación epidemiolóxica no arranque da docencia, e a súa evolución ao longo dos meses por canto á existencia de rebrotes e o seu alcance, as probables restriccións ao movemento ou mesmo a posibilidade dun novo confinamento, fixo necesaria a adopción por parte do noso centro duns horarios que permitan asumir estas circunstancias adaptándose ás mesmas se é preciso, ao tempo que permiten unha docencia parcialmente presencial.

As materias que compoñen as titulacións do centro son variadas por canto á organización de grupos. Os laboratorios e espazos de traballo deben ser usados mantendo distancias de seguridade e sendo desinfectados con frecuencia, e o emprego de material audiovisual require ser posto en corentena para o seu manexo entre o alumnado. Todo isto, unido a que o profesorado debe impartir varias asignaturas, en diferentes cursos e centros, condicionou a elaboración e axuste dos módulos horarios.

En consecuencia, a facultade implementou un sistema de horarios nos que cada asignatura conta cun día completo para a sua impartición a todo o alumnado, no que cada docente organizará os distintos grupos en función das particularidades da súa materia. Como regra xeral, salvo excepcións, a docencia teórica será levada a cabo online, mentres que os grupos de prácticas se desenvolverán de forma presencial ou híbrida.

Non obstante, a situación pode cambiar en calquera momento, e con ela, a organización docente das asignaturas, que seguirán así contando co mesmo día completo para organizar a súa adaptación a posibles continxencias.