Erasmus+ Prácticas

O Programa Erasmus+ Prácticas ofrece a estudantes e titulados recentes durante o ano inmediatamente posterior á finalización dos estudos, unha estanza de prácticas durante un período de tempo nunha empresa ou organización doutro país participante, e ten por finalidade contribuír a que as persoas se adapten ás esixencias do mercado laboral a escala comunitaria, adquiran aptitudes específicas e melloren a súa comprensión do ámbito económico e social do país en cuestión, ao mesmo tempo que adquiren experiencia laboral.

Estas prácticas poden ir acompañadas, en caso necesario, de cursos de preparación ou de cursos de actualización na lingua de acollida ou de traballo.

As organizacións de acollida para as prácticas de estudantes poden ser empresas, centros de formación, centros de investigación e outras organizacións. O período de prácticas debe estar cuberto por un acordo de prácticas aprobado pola institución de educación superior de orixe, o consorcio de orixe (se procede), a institución de acollida e o beneficiario.

As características das prácticas de estudantes son:

  • A institución de ensino superior de orixe debe outorgar o seu pleno recoñecemento ao período de prácticas no estranxeiro.
  • O estudante debe recibir un acordo de formación relativo ao programa do período de prácticas; este acordo debe ser aprobado pola institución de educación superior de orixe e a organización de acollida.